Friday 29 de March de 2024

O concello mellora a rede viaria no núcleo de Oldán e nos seus accesos


Ademais, están adxudicadas obras en outros trece núcleos de oito parroquias diferentes.

O Concello ten en fase de execución dous proxectos de mellora da rede viaria na parroquia de Cabovilaño. Desde principio desta semana están en marcha os traballos no núcleo de Oldán e os seus accesos, unha intervención que afecta a unha lonxitude total de 926 metros de estradas nos que se vai renovar o pavimento aplicando unha nova capa de aglomerado asfáltico en quente e a correspondente sinalización horizontal e vertical.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Patricia Bello, comprobaron in situ o desenvolvemento das actuacións que se están a levar a cabo.
Paralelamente, tamén está en execución outro proxecto de mellora viaria moi próximo ao citado anteriormente e que afecta á estrada que comunica os núcleos de O Castro e A Lagarteira. Tamén conforma unha vía alternativa de acceso ao parque empresarial desde a estrada AC-552. Nese lugar estase a ampliar a plataforma da calzada ao longo de un quilómetro e medio de distancia.

Na parroquia de Cabovilaño o Concello ten adxudicadas outras dúas intervencións nos núcleos de O Cancelo e A Braña.

Por outra parte, en próximas datas tamén comezarán a executarse obras xa adxudicadas que afectan a vías de trece núcleos de oito parroquias diferentes. En Torás intervirase na estrada que comunica o núcleo de Riotorto coa vía provincial DP-0513 á altura do lugar de Freón, pertencente ao municipio de Arteixo, e tamén se mellorará a vía no núcleo de A Barreira.

Outras obras previstas serán nas parroquias de Coiro (núcleos de O Coto e As Meneiroas), Golmar (O Igrexario), Erboedo (Paredes), Soandres (Borreiros e Curros), Soutullo (O Vilar, Os Bidueiros e A Abeleira), Lestón (Os Currais) e Caión (Cima de Vila).